O BNG demanda un novo modelo da xestión da auga “racional e sustentábel” para á área de Vigo

2021091423394326474

A fronte nacionalista rexeita un novo encoro adicional a Eiras ou un eventual transvasamento de auga do río Verdugo.

Propoñen un Plan comarcal de xestión eficiente da auga cun decálogo de medidas e apostan por unha xestión “mancomunada e pública”.

O BNG demanda un novo modelo da xestión da auga “racional e sustentábel” para á área de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe a súa alternativa “racional e sustentábel” para resolver o problema da auga na comarca de Vigo e a súa área. A fronte nacionalista rexeita un novo encoro adicional a Eiras ou a execución dun transvasamento de auga no río Verduxo. Propoñen a posta en marcha dun Plan comarcal de xestión eficiente da auga cun decálogo de medidas.

Nunha comparecencia pública decorrida esta mañá na cidade de Vigo, o BNG deu conta da súa alternativa a nivel comarcal para mellorar o abastecemento de auga a Vigo e os concellos da nosa comarca, considerando o impacto ambiental e a afección ao ecosistema e á actividade económica.

O responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, que compareceu acompañado de portavoces municipais e responsábeis orgánicos das diferentes localidades, sinalou que “cómpre abrir un debate rigoroso sobre a xestión hidrográfica e o aproveitamento sostíbel dos recursos hídricos. Un debate no que se poñan todas as alternativas enriba da mesa, mais que se faga con análises serias que contemplen propostas reais, sostíbeis e ecolóxicas para a xestión da auga, mesmo a posibilidade dunha xestión 100% pública do abastecemento e saneamento”.

Para o BNG a solución a escaseza puntual de recursos hídricos no encoro de Eiras non pasa pola construción dun novo encoro en Fornelos ou pola realización de transvases no Verduxo ou no Miño, senón en empregar outras alternativas que sexan menos agresivas co medio natural, o cal esixe actuar con previsión.

Caride sintetizou a alternativa da fronte nacionalista na necesidade dun Plan de actuación que, a través da colaboración de Xunta e concellos, mellore a eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, co obxecto de reducir sensibelmente as perdas de auga que se producen nas canalizacións que, segundo diferentes estudos, poden chegar ao 30%. “Un plan, en definitiva, que permita minimizar os efectos negativos dende o punto de vista ambiental, económico e social ante eventuais períodos de seca”, resumiu.

Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG en Fornelos de Montes, Mila Casal, detallou os motivos da oposición nacionalista a un novo encoro nas proximidades de Eiras, entre os que mencionou o impacto que o actual xa ten na veciñanza de Fornelos así como a nivel ambiental.  Casal cuestionou ademais a necesidade dun novo encoro denunciando que “a falla de investimento durante anos, tanto por parte do Goberno do Estado, da Xunta de Galiza como do Concello de Vigo, na mellora da rede de abastecemento de auga co fin de paliar os graves problemas de perdas que presenta, levou a que a día de hoxe non se dispoña dunha rede de abastecemento en condicións que evite as importantes perdas de auga no subministro a Vigo e aos concellos da contorna”.

Sustentabilidade

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas subliñou que “a auga é un ben esencial e básico pero tamén un recurso natural limitado”, polo que apostou por unha perspectiva que prime a “racionalidade e a sustentabilidade”. “O futuro non pasa nin por máis encoros, nin por transvasamentos que agreden o noso medio natural”, enfatizou.

Igrexas, foi o encargado de presentar as liñas mestras do Plan comarcal de xestión eficiente da auga que propugnan, e que se sintetiza nun decálogo de medidas, como son a realización dunha auditoría de toda a  rede de distribución para reducir as perdas de auga; a mellora na rede de abastecemento de Vigo e a ampliación e modernización da ETAP do Casal; mellorar a eficiencia nas restantes estacións potabilizadoras; impulsar plans municipais de racionalización e aforro no uso da auga; optimizar os recurso hídricos existentes en cada concello e estreitar a colaboración e apoio ás comunidades e traídas veciñais de auga; actuar nas reservas de auga subterránea (sempre que non estean ligados a espazos protexidos ou humedais vulnerábeis); reutilizar as augas residuais para usos urbanos (rego de parques ou baldeos) e industriais ou agrarios; apostar no aproveitamento das augas pluviais e a súa separación das augas residuais na rede de saneamento; ou promover por auditorías de hidroeficiencia industrial en parques empresariais e polígonos.

Como corolario deste décalogo de medidas, desde o Bloque defenden unha xestión mancomunada da auga a través dun xestor metropolitano público. “Se a auga é un ben público debe xestionarse desde o público, e fronte a quen insiste en parches parciais mentres sigue baldeando con auga de beber nós defendemos unha resposta en conxunto, coordinada e articulada a nivel metropolitano, sustentábel, racional e de futuro”, valorizou Igrexas.

Nova ETAP

En relación ao recente anuncio do Goberno municipal de Vigo de que promoverá a renovación da ETAP do Casal, Igrexas expresou a súa sorpresa pola fórmula escollida polo executivo local. O edil nacionalista afirmou non compartir a decisión de que esta dotación se financie a cargo do recibo da auga que pagan as viguesas e vigueses e que xa é o máis caro de Galiza.

Neste sentido, lembrou que o BNG demandou nas súas emendas aos orzamentos do Estado e da Xunta deste ano que ambas as dúas administracións participasen non financiamento da nova potabilizadora achegando un total de 8 millóns euros. “En Madrid, PSOE e Unidas Podemos, dixeron non. E na Xunta o PP, o mesmo. E agora Caballero decide que o paguen as veciñas e veciños de Vigo”, reprochou.
 

O BNG demanda un novo modelo da xestión da auga “racional e sustentábel” para á área de Vigo