O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento Galego reclamando a mellora da atención sanitaria no Val Miñor
Demanda do goberno do PP a volta á atención presencial e o reforzamento do persoal sanitario e non sanitario nos centros de saúde, e a ampliación das especialidades prestadas no Val Miñor para evitar as listas de agarda, nomeadamente en saúde mental
A organización nacionalista fai chamamento á participación na concentración convocada por SOS Sanidade pública para o mércores 21 ás 20h na Ramallosa
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Carmela González, acompañada do tenente alcalde de Baiona, Iago Pereira, a portavoz municipal en Gondomar, Manuela Rodríguez, e o responsábel local de Nigrán, Xavier Rodríguez, así como doutros membros da organización nacionalista dos tres concellos, anunciou diante do centro de saúde do Val Miñor a presentación dunha proposición no Parlamento Galego demandando a mellora da atención sanitaria na comarca.
A iniciativa quere poñer de manifesto a falla de recursos de todo tipo, fundamentalmente de persoal, tanto sanitario como non sanitario, común a todos os centros, consecuencia do adelgazamento que durante 11 anos ven sofrendo o sistema asistencial por parte dos gobernos do PP. Esta eiva tradúcese na deficiente cobertura de baixas prolongadas, con substitucións en pequenos períodos sen continuidade e con profesionais distintos cada vez ou ben sendo atendidos os seus pacientes polo resto do persoal dos centros, agravando así a saturación que xa padecen.
Outra das reivindicacións do BNG é a volta á consulta presencial na Atención Primaria, unha das principais demandas sociais ante a decisión do Goberno de Feijóo de que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica.
A estas disfuncións hai que lle sumar tamén as listas de agarda, xa importantes antes da pandemia e aumentadas por mor dela, tanto para as citas de medicina de familia como para as de especialidades que se atenden nos hospitais da área sanitaria e no centro de saúde do Val Miñor. Neste último é especialmente grave a demora existente nas citas de saúde mental (psiquiatría e psicoloxía) superando en moitos casos os doce meses de agarda. Resulta igualmente necesario ampliar os servizos que se prestan nel de rehabilitación/fisioterapia e radioloxía. Por outra banda tamén se pon de manifesto a necesidade de reforzar o persoal de determinadas especialidades nos centros de saúde como a pediatría.
A deputada Carmela González demanda do Executivo galego o reforzo de todo o sistema sanitario, especialmente da Atención Primaria porque tanto o persoal sanitario como o administrativo dos centros de saúde xa van por riba da súas posibilidades cunha sobrecarga durante toda a pandemia agravada agora coa atención a campaña de vacinación. “É imprescindible, dunha vez por todas reforzar a Sanidade Pública e a Atención Primaria” resaltou.
O BNG chama á participación na concentración do mércores 21 na Ramallosa
Finalmente, diante desta crítica situación, as representantes do BNG nas tres localidades do Val Miñor fan un chamamento a apoiar a mobilización convocada por SOS Sanidade Pública -Plataforma da que o BNG fai parte-, para o vindeiro mércores 21 de abril ás 20h na Alameda da Ramallosa. Porque “é preciso mostrar nas rúas, gardando as medidas de seguridade si, pero con contundencia o noso rexeitamento ás políticas que atacan os servizos públicos básicos.”