O BNG celebra que o proxecto da rúa Manuel Lemos se formule seguindo os parámetros da súa proposta

IMG_20210212_101204
Rua Manuel Lemos na actualidade
Advirte, porén, que o anuncio do goberno local é tan  só fume ao non ser o titular da vía
O BNG celebra que o proxecto da rúa Manuel Lemos se formule seguindo os parámetros da súa proposta

O Bloque Nacionalista Galego de Nigrán celebra que o proxecto de rexeneración da rúa Manuel Lemos formule a actuación seguindo as liñas do que xa no pasado febreiro reclamaba a nosa formación, cando criticamos que a Xunta de Galicia rexeitase a emenda que realizamos aos orzamentos autonómicos para que esta dotase unha partida para acometela en colaboración co concello.

Xa entón explicitamos a nosa proposta para eliminar o aparcamento no tramo urbano da rúa como único xeito posible de acometer a transformación da travesía da Ramallosa ampliando as beirarrúas.

 

Tal formulación mereceu as críticas do PP local, que agora estamos esperando que se pronuncie tamén ao respecto do proxecto anunciado, pese a que nós incluíamos unha condición paralela ao seu desenvolvemento, a apertura do aparcamento situado á beira da piscina mancomunada, que o adxudicatario mantén pechado ante a pasividade do goberno municipal.

 

De todos os xeitos é necesario advertir aos veciños que este anuncio non é máis ca fume, ao non ser o concello o titular da estrada, senón a administración autonómica, e carecer de competencias para actuar sobre ela. De aí que o BNG presentase a emenda aos orzamentos da Xunta e que reclamemos un convenio de colaboración entre as dúas administracións para acometer a obra. Todo o que non sexa a redacción e proposta formal do correspondente convenio tan só reflicte a intención do alcalde de seguir facendo propaganda con actuacións que non ten pensado executar.

A maiores manifestamos a nosa absoluta oposición a que esta intervención tan necesaria sexa afrontada exclusivamente con fondos propios, tendo que destinar máis dun millón de euros a unha vía cuxa responsabilidade é da Xunta de Galicia.

O BNG celebra que o proxecto da rúa Manuel Lemos se formule seguindo os parámetros da súa proposta