RECLAMA QUE O PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO DEBE ESTABLECER A SÚA REAPERTURA OU O RESCATE DA CONCESIÓN
O BNG de Nigrán insta ao goberno municipal a que inicie o expediente á concesionaria do aparcamento de A Ramallosa
Nigrán, 15 de abril de 2020.- Recentemente o goberno municipal tratou de resolver os problemas de aparcadoiro no centro de Nigrán contratando temporalmente solo de particulares cerca da casa do Concello. O volume de dito contrato ascenderá aos 36.000 euros nos vindeiros catro anos, ao que haberá que sumar os custos das obras necesarias para a apertura desta zona de aparcadoiro temporal.
Mentres, no núcleo de A Ramallosa un aparcadoiro público soterrado leva xa anos pechado por decisión unilateral da concesionaria coa complicidade do goberno municipal.
É por isto que o BNG de Nigrán reclama o inicio do correspondente expediente á empresa co fin de que, dada a súa complexidade, poida nos vindeiros meses rematar coa reapertura obrigatoria do aparcadoiro ou, en caso contrario, co rescate da concesión por incumprimento dos termos da mesma.
Se o feito de estar pechado sempre foi un problema para A Ramallosa, nestes momentos amósase como imprescindíbel para a necesaria reactivación futura do comercio local, que precisará de todo o apoio institucional posíbel e, dende logo, dun correcto funcionamento dos servizos municipais. Dispoñer desas prazas inutilizadas xunto a piscina mancomunada contribuirá a aminorar os problemas de mobilidade e conxestión do tránsito rodado no núcleo urbano de A Ramallosa, ao mesmo tempo que constitúe unha ferramenta fundamental para os establecementos da zona.
Xavier Rodríguez
Responsábel local