A rúa Otero Pedrayo: o abandono das administracións
Artigo publicado por Xavier Rodríguez en A Peneira
A Rúa Otero Pedrayo (PO 3330) é unha vía dun quilómetro de lonxitude que conecta transversalmente as dúas principais vías de comunicación de Nigrán, a PO 552 (Avda. Val Miñor) e a PO 325 (Estrada pola vía). É, polo tanto, unha estrada primordial para vertebrar as comunicacións do concello, sendo a vía de conexión entre as parroquias de Camos e Nigrán coa de Panxón.
Malia a súa importancia, presenta un estado lamentable, tanto a calzada como, especialmente, as beiravías, que nalgúns puntos chegan a supor un auténtico perigo para a seguridade viaria e peonil. Isto ten provocado as denuncias dos veciños ao propio concello, incluso con casos de lesións, que este non pode solucionar por tratarse dunha vía de titularidade autonómica.
Como consecuencia disto, o concello de Nigrán aprobou xa en 2016, por unanimidade, unha moción do goberno municipal instando á Xunta de Galiza á urbanización da vía e a súa posterior cesión á administración local. No mesmo sentido o BNG presentou nos últimos anos emendas aos respectivos orzamentos da Xunta, para que esta habilitase unha partida nos mesmos para proceder ao seu arranxo, ao igual que o fixo o Partido Socialista, con nulo éxito en ambos casos.
O propio concello, no ano 2017, encargou unha memoria valorada das actuacións necesarias, que estima nun importe global de 634.312,86 euros o preciso para levalas a cabo, se ben unha parte das mesmas corresponderíanse coa renovación e reposición de servizos municipais.
A maiores, e dada a importancia que esta cuestión ten, a súa situación foi obxecto de debate na negociación do orzamento municipal do 2018, sendo unha das esixencias do BNG para apoialo, a redacción, por parte do goberno municipal, dunha proposta de convenio, co obxecto de remitírllela á Xunta de Galiza para proceder á urbanización da rúa. Pretendíase elaborar unha proposta que contase co aval explícito de todos os grupos municipais de tal xeito que non fose xa unha petición do goberno local senón unha esixencia unánime da corporación.
Pero desgraciadamente, o goberno socialista que nada fixera sobre este tema en todo o mandato, viuse apurado pola iniciativa nacionalista e polos propios veciños, e quixo recuperar protagonismo seguindo a súa propia vía, que non era outra máis que solicitarlle á Xunta a transferencia da titularidade da estrada, aínda que a recibise nun estado deplorable, para, posteriormente, proceder ao seu arranxo con fondos propios. Mentres tanto, aparte da solicitude de transferencia, nin unha soa proposta elaborada seriamente e transmitida formalmente. Vai transcorrer un ano e nada se avanzou na cuestión. En tanto os veciños da rúa seguen a padecer o seu lamentable estado e a ser reféns das liortas entre as administracións e, tamén hai que dicilo, do que moitos votaron en maio.