Renuncia á dieta polo Pleno Extraordinario do PXOM

Renuncia á dieta polo Pleno Extraordinario do PXOM

O BNG de Nigrán quere facer público que rexeitaremos cobrar a dieta correspondente ao Pleno Extraordinario do pasado xoves, no que se debateu como único asunto da orde do día, a cesión do contrato da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, e no cal non se tomou ningunha decisión ao respecto, acordando, simplemente, deixalo para o seguinte pleno.

Esta decisión é coherente coas críticas que vertimos sobre a falta de xustificación para convocar un pleno extraordinario dúas semanas antes do ordinario, ao cal se podería perfectamente ter levado o asunto como un punto máis da orde do día, pois non existía prazo ou data algunha que sustentase a urxencia dun procedemento que leva meses paralizado.

Teño que dicir que non pensabamos facer pública a nosa decisión ata ter formalizada a petición, isto é, ata rexistrar o escrito de renuncia aos emolumentos que nos corresponden. Pero as declaracións públicas do Alcalde, invitándome a renunciar á miña retribución se tanto me preocupa o custo, fan que adiantemos a comunicación desta decisión que xa tiñamos tomada, e que formalizarei mediante o rexistro da

solicitude este vindeiro Xoves.

Finalmente, gustaríame aproveitar para pedir ao resto dos corporativos que fagan o mesmo, e que renuncien a cobrar por unha sesión na que o único acordo que se tomou foi deixar sobre a mesa o asunto a tratar, aforrándolle así as arcas públicas varios miles de euros gastados sen necesidade.

BNG NIGRÁN

Xavier Rodríguez Fernández - Portavoz Municipal do BNG