O BNG renova os seus organismos comarcais en Vigo co obxectivo de impulsar o cambio nos concellos e na Galiza

2021113021302263968

A fronte nacionalista destaca na Asemblea Comarcal celebrada este martes o “papel chave” da súa militancia, que incrementou un 30% nos últimos catro anos.

Manuel Caride, reelixido como responsábel comarcal: “Saímos con máis unidade e cohesión de cara a impulsar un tempo novo para o nacionalismo galego, cun BNG preparado para recuperar e ampliar espazos na sociedade galega”.

O BNG renova os seus organismos comarcais en Vigo co obxectivo de impulsar o cambio nos concellos e na Galiza

O Bloque Nacionalista Galego vén de renovar os seus órganos internos na comarca de Vigo co obxectivo de reforzar a súa aposta política cara as eleccións municipais de 2023 e os comicios galegos previstos para 2024. A fronte nacionalista volve dotarse dunha Executiva comarcal e dá entrada a novas caras no Consello comarcal para fortalecer o seu proxecto do que destacan o “papel chave” da militancia.

“É no compromiso militante onde radica a nosa maior fortaleza fronte a outras formacións políticas”, salientou Manuel Caride, que resultou reelixido como responsábel comarcal na asemblea que celebrou o BNG este martes. “Sen o activismo da nosa afiliación sería imposíbel abarcar eidos de traballo tan importantes como a defensa do idioma, o sindical, o cultural, o feminismo ou o ecoloxismo”.

A organización nacionalista puxo en valor o incremento dun 30% no número de militantes desde a última Asemblea Comarcal, mais fixou como reto para os seguintes anos continuar alargando a súa base social e electoral nos concellos da comarca de Vigo. “Saímos con máis unidade e cohesión de cara a impulsar un tempo novo para o nacionalismo galego, cun BNG preparado para recuperar e ampliar espazos na sociedade galega”.

Caride encabezou a única candidatura presentada para a renovación do Consello comarcal, que foi ampliado a 21 integrantes aos que se sumarán os e as responsábeis locais e unha persoa en representación da organización xuvenil Galiza Nova. O propio Caride, a concelleira nacionalista de Redondela Jéssica García, elixida viceresponsábel comarcal, e o sindicalista e ex concelleiro en Fornelos de Montes, Pedro Pérez, serán os representantes da comarca de Vigo no Consello Nacional do BNG.

Dos concellos a liderar Galiza

“As eleccións municipais de 2023 teñen na nosa comarca especial significación e debemos marcarnos un dobre obxectivo: por un lado incrementar a nosa representación nos concellos nos que temos presenza institucional e, polo outro, volver obter representación nas corporacións nas que ficamos fóra”, subliñou Caride, que lembrou que estes comicios serán ademais un “elemento preparatorio doutra cita trascendental para o nacionalismo galego como as eleccións galegas de 2024, para pasar de liderar a alternativa ao PP a liderar un novo goberno ao servizo do País”.

O BNG renova os seus organismos comarcais en Vigo co obxectivo de impulsar o cambio nos concellos e na Galiza