Pilar García Negro: "Murguía captou desde o primeiro momento o papel superior da estética e das capacidades da súa muller."

image
Pilar García Negro

 

Aquí vos deixamos esta magnífica entrevista realizada polo noso compañeiro e militante de Galiza Nova de Nigrán, Iago Aballe.

Pilar García Negro: "Murguía captou desde o primeiro momento o papel superior da estética e das capacidades da súa muller."

Celebramos este ano  o día de Rosalía de Castro por primeira vez dun xeito oficial. Por qué é importante celebrar a Rosalía dende as institucións?

Realmente, o que se celebrou este ano por primeira vez é un cambio de data, do 24 ao 23 de Febreiro, pois está demostrado que foi este o día en que naceu, o 23, sendo o 24 o do seu baptismo (de aí a confusión). A data foi sempre celebrada polas asociacións culturais galegas, a AS-PG, a AELG e moitos centros do ensino. A oficialidade cultural e educativa sempre foi detrás destas iniciativas. Noutros casos, ignorounas, como cando rememoramos, en 2010, os 125 anos do seu falecemento.

Por qué Rosalía tivo tanta popularidade na xente?

Debemos precisar o termo “popularidade”. Na minoría patriótica galega causou grande impacto a publicación de Cantares gallegos (1863), obra inaugural do Primeiro Renacemento da cultura galega. A súa 2ª edición, en 1872, deuna a coñecer amplamente en colectividades da emigración, que a fixeron súa con devoción plena, pois comprenderon todo o espírito de dignificación e elevación do universo cultural popular galego. Follas novas –que constitúe en por si unha sorte de literatura total– non desfrutou da mesma audiencia e só uns poucos atinaron a captar toda a súa densidade humana, a súa carga de innovación, a aplicación do galego a unha temática universal, para alén do valor de crónica histórica en tempo real que posúe. A súa narrativa –avanzada, revolucionaria mesmo, orixinalísima, adiantada ao seu tempo– tamén non foi debidamente valorada máis que por uns poucos. O Segundo Renacemento da cultura galega, xa no século XX, fixo dela emblema principalísimo da Galiza e da excelsitude da súa literatura. Modernamente, hai dous nomes ineludíbeis na investigación rosaliana: Ricardo Carvalho Calero, da xeración do nacionalismo de pre-guerra, e Francisco Rodríguez, cuxa pesquisa e estudos sobre a escritora, a partir dos anos setenta, marcan un antes e un despois no seu coñecemento e divulgación.

Cal foi o papel de Murguía na obra rosalián?

Murguía captou desde o primeiro momento o papel superior da estética e das capacidades da súa muller. Foi o seu primeiro estudioso e propagandista, e ocupouse igualmente de procurar meios e vías de publicación. Unha outra cousa é o seu papel biográfico, xa que, ao lado desta percepción, hai aspectos que non quixo dar a coñecer, como se a estatura e capacidade transgresiva de Rosalía de Castro, a súa independencia de criterio, a súa liberdade de pensamento (e de actuación, con toda probabilidade), superasen calquer previsión admisíbel. Se non tivese destruído, na fin da súa vida, as cartas dela, teríamos unha fonte inestimábel da súa biografía, sen dúbida. Dito isto, non se debe cualificar frivolamente Murguía de machista ou sexista. El sabía de sobra do valor intransferíbel da poética rosaliana, e, por outra parte, unha muller e unha escritora como Rosalía de Castro (sobran as probas) endexamais se plegaría a ser “administrada” polo seu home. Ela supera calquer corsé.

 Rosalía foi unha referente para as mulleres galegas e na escrita. Poderíasme citar a algunha escritora que fose da escola rosalián?

Todas as escritoras contemporáneas e posteriores tiveron nela un exemplo preclaro. Non podemos falar de “escola”, pois non é posíbel achar “descendencia” seguidista. É única e inconmutábel. Outra cousa é a interpretación que dela fixeron, tanto escritoras como escritores do seu tempo e até os nosos días: asimilación ao estereotipo galego conveniente (represivo) / identificación da súa vera effigies, isto é, a que autorizan e aconsellan a súa personalidade e a súa obra.

 Por agora vexo moitas Rosalías do século XXI facéndose oco, e unha delas ocupou  durante máis de quince anos o pazo do Hórreo.  Podrías definir a túa etapa parlamentaria nunhas liñas?

Obrigada, Iago, pola alusión transparente, mais non che hai tal. Sobre escritoras “rosalianas” dos nosos días –reiterando, con todo, a idea anterior da súa intransferibilidade– aponto dúas: Pilar Pallarés e Marica Campo. Ambas teñen (para alén de devoción e coñecemento cabal de Rosalía de Castro) motivos na súa poética que, no meu xuízo, beben directamente da fonte rosaliana. Canto á miña experiencia como deputada, polo BNG, no Parlamento galego, direi que ocupou laboralmente catorce anos da miña vida (1989-2003) e que a asumín como un traballo e un deber de representación das miñas e dos meus connacionais, por tanto, como unha delegación ou un mandato colectivo. Tratei de que, entre outros, a política lingüística e a política cultural tivesen o rango merecido de temas políticos. Quen quixer xulgar o labor realizado pode consultar o Boletín do Parlamento e mais o Diario de Sesións daqueles anos (e mellor aínda, os audios correspondentes, pois padecín decote deturpación da miña escrita). Anoto tamén como significativa a creación, por min promovida, da Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres (1994).

A política feminista é moi necesaria. Despois de celebrar o 8 de marzo, en qué puntos crees que debemos mellorar para chegar á sociedade igualitaria?

O principal é definir o suxeito social e o contido da loita a que se entrega o feminismo. Na miña idea, ha de ser a maioría social feminina, por tanto a maioría traballadora, e coa vontade de enaltecer a independencia económica e psicolóxica das mulleres e a represión (si, represión) de todos os mecanismos de discriminación aínda existentes. Isto pasa por un esforzo político transversal, en todas as ordes, e pouco ten a ver co feminismo cosmético (terminolóxico) que hoxe está na boca de tantos. O capitalismo como sistema é anti-feminista per se, pois precisa a continuidade de traballos e servizos non pagos que maioritariamente desempeñan as mulleres da clase traballadora. Hai moita confusión que debera ser aclarada...

Pasando xa ao século XX atopámonos polo camiño a figuras importantísimas como Castelao, constructor da Nación galega. O Sempre en Galiza foi unha das súas obras máis destacadas. Qué parte destacarías desta gran magna obra?

Castelao debera ser de leitura e contemplación obrigatoria para todas as rapazas e rapaces do noso país, pois é dono dunha obra que o admite e que permite a graduación de coñecemento conveniente. A súa figura é invulgar, por proteica, isto é, por conxuntar na súa personalidade e actuación o talento dun grande artista plástico (en moitas modalidades), a profundidade dun pensador e político nacionalista galego, a valía como escritor (narrador, dramatrugo, ensaísta) e, ao lado de todas estas dimensións, a súa incansábel actividade a prol da representación e da dignificación da súa patria, a Galiza. Sempre en Galiza é un libro misceláneo, denso, rico e atractivo asemade, que debera ser de leitura imperativa para toda galega-todo galego culto e, en xeral, para toda persoa desexosa de coñecer a historia da súa nación. Por suposto, calquer que se declare nacionalista e non teña lido esta magna obra adoecerá de carencia grande na súa formación política.

Castelao coincidiu coas Irmandades da Fala. Qué papel tiveron os irmáns Villar Ponte na fundación da Irmandade da Fala da Coruña?

Un papel fundador, exactamente. A idea orixinal foi de Ramón; Antón sumouse entusiasmado a ela e ambos se puxeron mans á obra. Axiña se crearon por todo o país, para alén da da Coruña, que foi a primeira.

Aínda que foron máis invisibilizadas, as irmandiñas tamén estiveron moi presentes. Unha das figuras que resúltame moi curiosa é a de Elvira Bao. Qué destacarías dela?

A profesora e investigadora Aurora Marco dedicou un volume íntegro ás irmandiñas e á súa relevancia dentro da organización do movemento nacionalista. Elvira Bao, efectivamente, foi unha delas: mestra entregada á causa política e á cultural do Partido Galeguista; represaliada, presa, desposuída do seu traballo oficial, a padecer mil penurias, como lembraba a súa filla Elvira Varela Bao, fiel cuidadora do patrimonio da súa nai e de seu pai, Bernardino Varela, igualmente nacionalista. As irmás Micaela e Teresa Chao, Virxinia Pereira, a médica Olimpia Valencia, Corona González... e tantas máis, fan parte dunha historia cuxo coñecemento muda substancialmente a contemporaneidade galega. 

Outro dos froitos deste século tan activo a nivel cultural na Galiza foi a fundación do Partido Galeguista. Cales foron os obxectivos fundacionais? Como xurdiu?

O Partido Galeguista fundouse formalmente en Pontevedra, en Decembro de 1931, polo que o seu tempo legal de vida non chega aos cinco anos. É a cristalización de todos os núcleos nacionalistas existentes no país: ponto de chegada e, asemade, ponto de partida dunha actuación política que tiña como alicerces irrenunciábeis: Galiza: nación; autodeterminación; auto-organización; pacifismo; anti-imperialismo; modificación da estrutura do Estado español para procurar unha solución pactada e en pé de igualdade das nacións que o compuñan.

O BNG é o herdeiro do PG. Vostede foi parte da fundación do Bloque.Cal foi o contexto fundacional do BNG e como foi o proceso?

Tamén a fundación do BNG supuxo, en 1982, a confluencia de varias organizacións previas de carácter e vocación nacionalista. A máis veterana, a Unión do Povo Galego, fundada en 1964; a Asemblea Nacional-Popular Galega; o Partido Socialista Galego… A vocación foi unitaria desde o principio e así o demostrou ao longo da súa historia. Remítome, de calquer xeito, a unha historia afortunadamente escrita, que se pode achar en publicacións da Fundación Terra e Tempo e da Fundación Galiza Sempre. Calquer interesada-o pode atopar información adecuada nestas fontes. O máis relevante, para min, foi o mantemento dun principio inabalábel, xa citado: autodeterminación, auto-organización, perfil distintivo como forza galega nacional, non sucursal ou asociada a nengunha outra, expresión e necesidade, por tanto, da capacidade política da Galiza como nación adulta, moderna e responsábel.

Cómo ves a lingua galega nos vindeiros anos? Qué factores cres que serán determinantes para que a lingua perdure?

Tamén aquí me remito a abondosos traballos meus sobre esta materia. Cito un: “En que consiste a normalización da lingua galega?”, publicado no volume Lingua e futuro (coordenado por Goretti Sanmartín; Laiovento, Santiago de Compostela, 2010) e reeditado na revista Terra e Tempo, ou ben De fala a lingua: un proceso inacabado (na mesma editora, 2009). Recomendo igualmente: Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (2ª ed.: 2019) e Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero (2021), ambos da miña autoría ou edición, publicados pola editora mencionada arriba. Será fundamental, no presente e no futuro, que a minoría que practicamos o galego oralmente e por escrito, en calquer ámbito, para todas as funcións, en calquer lugar do país, con todos os interlocutores... o sigamos facendo, na intelixencia de ser, o da lingua, TEMA CENTRAL do noso ser colectivo, nacional, identificador máximo de nós como povo distinto e específico. A nosa vontade ha de seguir sendo a de ampliar, a de alargar moito máis, esa minoría para que deixe de o ser, para que o galego, en fin, volva ser familiar, amado e practicado por toda a povoación galega. O papel que xoga a Mesa pola Normalización Lingüística é fundamental, como tamén o é a existencia por primeira vez na historia dun xornal galego, Nós Diario: a implicación en ambas empresas debera ser asunto primordial para todos os que declaramos amar o noso país e desexarlle un porvir ben mellorado verbo do presente.

 

Fonte: https://menscriticaepensadora.blogspot.com/

Pilar García Negro: "Murguía captou desde o primeiro momento o papel superior da estética e das capacidades da súa muller."