HOMENAXE A CARVALHO CALERO
Bota a andar de novo o maio da Ramallosa florido,
algúns dábano por morto, outros por medio ferido.
Bota a andar de novo o maio, xa vén pola Ramallosa, nunca levou tantas flores, mira que cousa fermosa.
Para coller os pampillos tivo que facer un plan, sacou o can a paseo
e despois mercou o pan.
E pra buscar xesta e fiuncho a cousa non foi máis doada, colleu cara o lavadoiro
co caldeiro e coa coada.
Ándache o maio coroado de flores,
aí veñen os ramallos con gaitas e tambores.
A historia máis destacada de cantas hai que contar é isto do coronavirus
que nos deixa pra falar.
Coa movida do turismo
e a economía mundial
o mal bicho andou viaxando até a epidemia global.
Isto do confinamento
foiche toda unha experiencia, abríu a imaxinación
e puxo a proba a paciencia.
Anécdotas para contar, momentos malos e bos, mais de todo o acontecido, o peor, o dos avós.
Sendo como é unha obriga coidar das nosas maiores, o mal facer do Feijó
é para sacarlle as cores.
Que aqueles que recortaron levanten a voz agora
é unha broma de mal gusto, é para botalos fora.
Confinada toda a xente nesta longa corentena, moitos morreron do virus, outros sufriron de pena.
Ándache o maio
por riba do Miñor,
aí veñen os ramallos que lle van quitar a dor.
A clase traballadora demos unha gran lección, a sanidade por diante,
a nosa gran salvación.
Arriscando a súa vida,
sen medios de protección, fixeron todo o posibel
pra salvar a poboación.
Co público non se xoga, aprendelo é moi urxente, pois case sempre o privado é mal negocio pra xente.
Ver militares nas rúas
servíu pra que a pobo pense, gostamos dos nosos castros, mais non nos vai o castrense.
Que os canóns non salvan vidas, precisamos hospitais,
non queremos ver desfiles
nen na tele os xenerais.
Ándache o maio
cos seus pes no río, aí veñen os ramallos e vaise montar o lío.
Os da dereita española compórtanse como lobos e tratan á cidadanía como se fosemos bobos.
E os patrióticos borbóns
cos seus cartos no estranxeiro queren falar ao país,
pero sen soltar diñeiro.
Non asusta ver un oso camiñando pola praza, asusta ver a estes ogros da dereita en plena caza.
Para vencer a este andazo fixo Galiza un encerro, mais pra vencer á dereita Nunca Máis é o noso berro.
O presidente da Xunta fala á tele en castellano, debe de ter algún trauma ou complexo provinciano.
Se cadra é que pra Feijó
a fala nosa é pouco fina, pois que saiba o señorito que a lingua non se confina.
Ándache o maio
feliz e engaiolado,
aí veñen os ramallos
pra se poñer do seu lado.
Nos dazasete de maio
as flores falan galego,
é o dia grande das letras, auga fresca polo rego.
A don Ricardo Carvalho adícaselle este día,
o maio tamén o fai
con galas de romaría.
Foi o Carvalho Calero galeguista e combatente
e sufríu a represión
de Franco como outra xente.
Adicouse don Ricardo a estudar ben o galego, esta lingua milenaria
á que lle temos apego.
Esta lingua, bela árbore
do que o galego é unha póla e que alén Miño se estende e chega ao Brasil e Angola.
Un galego sen barreiras, un galego en sintonía,
sen illamento e sen muros, aberto á lusofonía.
Ándache o maio
cun niño de pegas,
aí veñen os ramallos xunto coas letras galegas.