Apoio unánime ás propostas do BNG en relación ao transporte de ATSA

Apoio unánime ás propostas do BNG en relación ao transporte de ATSA

No Pleno da Mancomunidade do Val Miñor celebrado no día de onte o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción en relación aos plans de reducción de liñas de autobús realizado pola empresa concesionaria ATSA. Nesa moción reclamábanse os seguintes acordos:

- Solicitar á Dirección Xeral de Mobilidade que promova a realización dun Plan de transporte metropolitano da área de Vigo que mellore a comunicación dos diferentes concellos da comarca con Vigo e entre eles.

- Esixir á empresa adxudicataria o mantemento do actual servizo e solicitar á Direccións Xeral de Mobilidade que se pronuncie no mesmo sentido.

- Que a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor promova a creación, con carácter de urxencia, dunha comisión entre a propia Mancomunidade, a Dirección Xeral de Mobilidade e as empresas, co fin de realizar un plan de transporte do Val Miñor que mellore a situación actual e que recolla, entre outras medidas, a inclusión de novos itinerarios, paradas, solución da situación actual de traxectos con Vigo, etc.

- Que a Mancomunidade se comprometa a negociar e impulsar o uso dun billete metropolitano que permita realizar transbordos entre diferentes liñas da mesma ou diferentes empresas no ámbito da comarca de Vigo.

- Que a Mancomunidade negocie coa empresa tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes, persoas xubiladas, etc, procurando as vías necesarias para garantir o apoio económico a esta medida.

A moción aprobóuse por unanimidade, cos votos favorables de representantes do PP, BNG e CDL, xa que non asistiu ningún representante do PSOE.

Moción presentada polo BNG