Un Pleno Extraordinario inútil

Un Pleno Extraordinario inútil

O pasado xoves pola noite, tras acordar a data PP e PSOE, tivo lugar un pleno extraordinario para decidir sobre a cesión do contrato de redacción do Plan Xeral, discusión que rematou finalmente coa decisión de pospor o asunto para o vindeiro pleno ordinario a realizar dentro de dúas semanas.

O BNG de Nigrán xa manifestara na comisión informativa previa, a súa oposición á realización deste pleno, pois considerabamos que non estaba xustificada a urxencia cando tan só 14 días despois teriamos un pleno ordinario ao que podería ir perfectamente este asunto como un punto máis da orde do día.

Pois ben, para a nosa sorpresa o resultado foi o mesmo, ao decidir a corporación deixar o asunto para a seguinte sesión, eso si, despois de ter asumido un custo de máis de 3.000 euros pola realización do pleno extraordinario.

O acordo de deixalo sobre a mesa veu tras a proposta feita neste sentido polo Partido Socialista, apoiada polo resto da oposición e coa abstención do Partido Popular. O argumento no que se baseaban para facela era a ausencia de informes xurídico e económico nos que fundar a decisión a tomar.

O BNG xa expresou no seo da comisión informativa que efectivamente non sobran máis informes, especialmente o xurídico, pero en calquer caso nós non o precisamos para ter clara a nosa postura contraria a esta cesión.

De todos os xeitos, a convocatoria do pleno efectuouse sen ter os devanditos informes e, no caso do económico, sen nin sequera solicitalo; chegando ata a sesión, por suposto, sen eles, e incluso cun escrito do secretario sinalando que non é preceptivo o informe xurídico.

O resultado de todo isto foi que a decisión se adiase ata o vindeiro pleno ordinario, tal e como reclamaba o BNG dende un principio, pero despois dun custo de varios miles de euros.