Mercar en Nigrán ou mercar local?
O Concello de Nigrán e a Asociación de Empresarios do Val Miñor Ovalmi, acaban de lanzar unha campaña publicitaria para promover o comercio local co lema “Eu son de comprar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?”. Persegue, sen dúbida, un interese loable, aínda que cabería preguntarse pola efectividade real deste tipo de promocións e polas medidas que si incidirían directamente sobre o tecido comercial autóctono.
O problema radica en que ao mesmo tempo que dende o concello se lanzan este tipo de mensaxes, as súas autoridades locais aparecen visitando os terreos de Porto do Molle en compaña do delegado de Zona Franca, David Regades, e do directivo dunha empresa privada que ten previsto instalar unha grande superficie no lugar. Respaldo institucional ao que será, entre a xa existente e as dúas anunciadas, o terceiro gran supermercado que se localice no polígono.
Pero non serán só as grandes distribuidoras de alimentación as que desembarquen no noso concello. Con elas desenvolverase un parque comercial de máis de 22 500 metros cadrados entre área de exposición e zonas axardinadas. Un centro que acollerá firmas francesas de material deportivo e bricolaxe, unha americana de comida rápida, outra danesa de decoración e españolas de roupa de deporte e produtos para mascotas. Ademais a promotora do recinto, a inmobiliaria malagueña López Real 09 SL negocia a implantación de cadeas de restauración e mesmo unha gasolineira que se viría a sumar a que xa hai en Porto do Molle.
Sen dúbida poderemos mercar practicamente de todo en Nigrán pero, estaremos mercando local? Evidentemente non. Seremos clientes de multinacionais con sedes moi lonxe de aquí, que en moitos casos non se sabe nin onde pagan impostos. Marcas que recollen os beneficios para levalos consigo mediante a creación dos mesmos postos de traballo que destrúen no comercio local. A diferencia é que mentres nun caso temos multitude de pequenos propietarios dos seus propios negocios, no outro temos un único dono cuns cantos asalariados.
E non se trata de algo inevitable, nin dunha tendencia imparable como veu dicir o alcalde de Nigrán nalgunha ocasión e, aínda se o fose, dende logo que cando menos non debera contar co impulso un tanto servil do goberno local, que despois non ten reparo ningún en promover campañas de apoio ao comercio de proximidade. Quizais é que confundiron o concepto e consideran de proximidade ao que se instala en Porto do Molle. O concepto é o concepto, que dicía o grande Pazos en Airbag. A traxedia é que moitos negocios pecharán e as nosas rúas e zonas comerciais tradicionais como A Ramallosa ou o centro de Nigrán encheranse de locais baleiros. Os donos deses locais mirarán para eles mentres a inmobiliaria malagueña se levará uns pingües beneficios. E esa ameaza pode considerarse extensiva a todo o Val Miñor.
En troques, soportaremos un intenso tráfico de acceso e saída do polígono procedente de toda a área, que non verá máis de Nigrán que o centro comercial.