Imprimir

COMUNICADO: Á PLATAFORMA AFECTADOS POLO VIAL SAIÁNS-XUNQUEIRA

Bloque Nacionalista Galego de Nigrán | 25 de Marzo de 2015

Presentación do novo equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal:

O pasado día 11 de marzo de 2015, os portavoces dos grupos municipais fomos convocados a unha reunión co obxecto de presentarnos ao novo equipo redactor do PXOM de Nigrán, trala aprobación por parte do Partido Popular e o concelleiro non adscrito e coa abstención do Partido Socialista da cesión do contrato de redacción á empresa Eptisa.

 

 

Eu asistín, en calidade de portavoz municipal do BNG, á citada reunión, na que, entre outros asuntos, tocouse tanxencialmente a cuestión do vial Saiáns – Xunqueira.

O asunto saiu a relucir ao expresar eu a necesidade dunha segunda exposición pública do Plan, producto tanto da desaparición do vial como das importantes correccións que necesariamente terán que facerse ao documento, consecuencia dos negativos informes recibidos.

Este punto, o da segunda exposición pública, foi cuestionado polo equipo redactor, en base, fundamentalmente, a dous argumentos:

1. Por unha banda discuten qué cambios deberían ser considerados como sustanciais, o que obrigaría a tal exposición

2. Por outro lado consideran un erro renunciar a posibilidade dun vial para o que se ten comprometida a financiación autonómica, co difícil que é hoxe en día conseguila.

A este respecto o Alcalde veu a manifestar que co vial se fixera moita demagoxia, mentindo sobre o seu carácter de alta capacidade.

Polo tanto, a min quedoume meridianamente claro que é intención deste equipo redactor non suprimir o vial, apoiados nesa cuestión polo Alcalde e polo concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, co cal mantiven un tenso intercambio de opinións ao respecto.

Non obstante, si hai que dicir que en ningún momento falaron de manter o actual trazado, antes ben,

por parte do equipo redactor mantiveron a necesidade de modificar o que haxa que modificar antes que renunciar a el.

Por parte do Alcalde e Ignacio Vilas, discutiron tanto que se tratara dun vial de alta capacidade como as súas afeccións, limitando estas, segundo o primeiro, a tres casas.

Finalmente sinalar que o equipo de Eptisa expresou que empezarán o seu traballo facendo as correccións necesarias para adecuar o documento ás indicacións recollidas nos informes sectoriais, tratando de solucionar as deficiencias postas de manifesto, e só unha vez feito ese traballo, pasarán a analizar as alegacións presentadas.

Espero que este modesto resumo lles sirva para mellor coñecer a situación actual. Ao mesmo tempo quero manifestarlles a miña disposición para calquera cuestión que me queiran plantexar, mesmo persoalmente.

Saúdos. Xavier Rodríguez Fernández. Portavoz Municipal do BNG Nigrán.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección http://nigran.bng.gal/articulo/novas/comunicado-do-portavoz-municipal-do-bng-nigran-plataforma-afectados-polo-vial-saians-xunqueira/20150325140414000711.html


© 2017 Bloque Nacionalista Galego de Nigrán

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal