REXISTRA, NO MESMO SENTIDO, UNHA EMENDA AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA QUE SE CONSIGNE UNHA PARTIDA DE 75.000 EUROS DESTINADA Á REALIZACIÓN DO ESTUDO PARA A SÚA RECUPERACIÓN

O BNG presenta no Parlamento Galego unha proposición para a elaboración dun Plan de Rexeneración dos ríos e da Foz do Miñor

IMG_20210104_131505
IMG_20210104_131505
O BNG presenta no Parlamento Galego unha proposición para a elaboración dun Plan de Rexeneración dos ríos e da Foz do Miñor

 

Os deputados no Parlamento Galego, Luís Bará e Carmela González, acompañados do tenente alcalde de Baiona, Iago Pereira, a portavoz municipal en Gondomar, Manuela Rodríguez, e o responsábel local de Nigrán, Xavier Rodríguez, así como outros membros da organización nacionalista no Val Miñor, acudiron hoxe á Foz do Miñor para facer a presentación pública das iniciativas presentadas en relación con este espazo natural.

 

Neste sentido, Luís Bará, portavoz parlamentar da área de medio ambiente, deu conta da proposición non de lei rexistrada xa no pasado mes de novembro e que xa foi obxecto de presentación á Plataforma pola Protección da Foz do Miñor, na que se demanda a elaboración dun Plan de Rexeneración dos ríos e da Foz do Miñor que teña como finalidade a ordenación dos recursos, a eliminación e redución dos impactos ambientais e paisaxísticos, a restauración da contorna e a eliminación da contaminación.

 

Pola súa banda, Carmela González, deputada adscrita ao Val Miñor, explicou a presentación dunha emenda aos orzamentos galegos do 2021, coa que se pretende concretar financeiramente a realización do estudo para a recuperación ecolóxica da Foz do Miñor, ao propoñer unha partida de 75.000 euros para a súa realización.

Este estudo é o que debe servir de base para a elaboración do Plan de Rexeneración que, ademais da restauración dos parámetros ambientais, debera contribuír á recuperación do banco marisqueiro.

 

Finalmente, os responsábeis nacionalistas no Val Miñor remarcaron a necesidade, tamén recollida na proposición non de lei presentada, de elaborar en colaboración cos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, un plan de mellora da rede de saneamento e depuración e de eliminación de vertidos contaminantes aos ríos e á Foz, así como aprobar o Plan de xestión do Lugar de Interese Comunitario A Ramallosa (Foz do Miñor, Rede Natura 2000) e tramitar a proposta de ampliación do mesmo.

O BNG presenta no Parlamento Galego unha proposición para a elaboración dun Plan de Rexeneración dos ríos e da Foz do Miñor