O BEN CATALOGADO, DE TITULARIDADE MUNICIPAL, PERMANECE NUN ESTADO LAMENTÁBEL ANTE A PASIVIDADE DA CONSELLERÍA DE CULTURA

Concello de Nigrán e Xunta deixan esmorecer o muíño de Porto do Molle

MuíñoPortodoMolle
MuíñoPortodoMolle
Concello de Nigrán e Xunta deixan esmorecer o muíño de Porto do Molle

Nigrán, 13 de maio de 2020.- Muíño de Porto do Molle é un ben catalogado da parroquia de Nigránde titularidade municipal, en estado ruinoso e nunha evidente situación de abandono. Trátase dun dos máis grandes da comarca, con 25 metros de lonxitude, estimándose a súa orixe no século XVIII, destacando os tres arcos de medio punto polos que pasaba a auga. A levada que o abastecía, así como a canalización que devolvía a auga ao río Muíños, quedaron xa soterradas coas obras e movementos de terras no parque empresarial. 

            No ano 2018 tras producirse o cambio da persoa que ostenta a delegación do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, o novo Delegado, Don David Regades, aos poucos meses de ser designado, acudiu en compañía do goberno municipal de Nigrán a visitar o muíño e fotografarse diante del, anunciando o concello, a través dos medios de comunicación, que Nigrán e Zona Franca chegaran a un acordo para a súa rehabilitación, pois o inmoble está situado dentro do parque empresarial de Porto do Molle, de titularidade do Consorcio. 

            Transcorridos dous anos dende ese anuncio, a realidade é que non se materializou ningunha acción para levala a cabo, mentres o muíño, dependendo das épocas, permanece invadido pola maleza que ameaza coa súa completa destrución.

É por isto que o BNG de Nigrán, por medio do seu responsábel local, instou xa a finais do ano pasado á Consellería de Cultura da Xunta a exercer as competencias de inspección e vixilancia que a lei lle outorga fronte ao concello de Nigrán para evitar a desaparición dun ben catalogado.

            Desgraciadamente pasa o tempo e, nin o concello de Nigrán, de cuxa propiedade é o muíño, nin Zona Franca, titular do polígono no que está situado, nin a Xunta de Galiza, que ten a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural da comunidade, fan nada ao respecto. En tanto, o inmoble vaise deteriorando cada vez máis camiñando cara a súa desaparición.

 

 Xavier Rodríguez Fernández

Responsábel local do BNG de Nigrán

Concello de Nigrán e Xunta deixan esmorecer o muíño de Porto do Molle