AVOGA POR ESIXIR ÁS ADXUDICATARIAS DE SERVIZOS MUNICIPAIS A PROGRESIVA SUBSTITUCIÓN DE VEHÍCULOS E MAQUINARIA DE COMBUSTIÓN POR OUTROS NON CONTAMINANTES

O BNG reclama que o concello de Nigrán estenda a electrificación do seu parque móbil ás empresas concesionarias

Foto: Diaro La Comarca de Puertollano
Foto: Diaro La Comarca de Puertollano
O BNG reclama que o concello de Nigrán estenda a electrificación do seu parque móbil ás empresas concesionarias

Nigrán, 4 de decembro de 2020.- Tras a recente adquisición dun segundo vehículo eléctrico municipal, así como a instalación de varias electroliñeiras no noso concello, o BNG considera que este esforzo por reducir o uso dos combustibles fósiles debe trasladarse as empresas que xestionan diferentes servizos públicos na localidade. Unha medida que avanzaría na liña da bonificación establecida pola corporación anterior no imposto de circulación aos vehículos híbridos ou eléctricos.

 

            Para acadar este obxectivo o BNG propón que se inclúa nos pregos de condicións dos contratos a esixencia progresiva de incorporación de maquinaria e vehículos eléctricos entre os precisos para desenvolver os servizos, ou cando menos, que constitúan un mérito baremable na puntuación para a adxudicación, colaborando así, deste xeito, en combater a contaminación ambiental e acústica e a promoción de enerxías limpas, reducindo as emisións.

 

            Un exemplo claro de maquinaria susceptible de electrificación son as varredoras, que polas propias características do seu traballo ten que utilizarse nas primeiras horas do día cun importante impacto acústico e de emisións, que se vería claramente atenuado se montasen motores eléctricos.

O mesmo se podería trasladar a diversos tipos de maquinaria de parques e xardíns ademais de aos propios vehículos de transporte.

 

            Por todo isto a agrupación local nacionalista insta ao goberno municipal a continuar o proceso de substitución de motores de combustión non só á súa propia flota de vehículos, senón tamén á maquinaria municipal que poida ser obxecto da mesma medida, así como a súa extensión aos concesionarios dos diferentes contratos susceptibles de serlle de aplicación.  

 

 

Xavier Rodríguez

Responsable local do BNG

O BNG reclama que o concello de Nigrán estenda a electrificación do seu parque móbil ás empresas concesionarias