municipal
Destacadas

O BNG esixe o compromiso de acometer a humanización das rúas Otero Pedrayo e Manuel Lemos para apoiar os orzamentos do Concello

Nigrán, 21 de marzo de 2018.- O BNG de Nigrán trasladou no pasado mes de febreiro ao goberno municipal as súas propostas para negociar o seu apoio aos orzamentos do 2018 que van a ser debatidos mañá xoves, sempre entendendo os orzamentos non coma un simple documento contable illado de todas as demais actuacións do goberno municipal, senón directamente vinculado ás mesmas, de tal xeito que, hoxe en día, son mais importantes as inversións que non ven establecidas no propio orzamento que as que si especifica este.

 

            Neste sentido esiximos que con cargo ao remanente de tesouraría do 2017, que non figura no documento ao non estar dispoñible aínda, se acometan obras de humanización e seguridade viaria en dúas vías fundamentais do municipio.

Unha é a rúa Otero Pedrayo, unha estrada moi utilizada que une Nigrán e Panxón e presenta un estado lamentable, e a outra a travesía da Ramallosa, rúa Manuel Lemos, que require de maneira urxente afrontar a súa humanización.

Ambas as dúas son de titularidade autonómica, polo que solicitamos que o Concello redacte unha proposta de convenio para remitir á Xunta de Galiza.

 

            Ademais propomos que con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019, dispoñible xa dende este ano, se acometa a renovación de calzada e beirarrúas do entorno da piscina mancomunada, que especialmente as situadas na súa parte posterior, rúa Valle Inclán e entradas interiores, presentan un grande deterioro, ao ser masivamente utilizadas como aparcamento da citado centro deportivo.

Para iso solicitamos que se empece xa a redacción do correspondente proxecto.

 

            A maiores destas actuacións propuxemos incluír xa no orzamento unha nova liña de axudas, destinada ás comunidades de augas e dotada con 50.000 euros, co obxectivo de apoialas nos seus gastos de mantemento e inversións, así como diversas partidas para renovación de sinalización viaria e un estudo de ordenación do tráfico no entorno de A Ramallosa que valore a oportunidade de cambios que melloren a conxestión actual.

Igualmente valoramos como imprescindibles intervencións en materia ambiental como o acondicionamento do río Nespereira ou acudir á convocatoria da Deputación para a creación de parques forestais.

 

            Finalmente destacar a nosa proposta de cubrir a pista polideportiva do colexio Humberto Juanes co obxectivo de convertela na pista deportiva do centro de Nigrán.

 

Xavier Rodríguez

Portavoz Municipal do BNG  

Ler novas
Destacadas
WhatsApp Image 2016-11-13 at 00.01.02

O BNG de Nigrán pedimos que o Concello convoque a mesa de diálogo sobre a futura biblioteca municipal

Mércores, 1 de febreiro de 2017.- O  BNG reclama que se convoque a comisión creada no seu día polo pleno para tratar, de xeito oficial, a situación da biblioteca de Nigrán e os seus posibles emprazamentos e características. Facémolo para que sexa un encontro rigoroso e serio, no que se avance sobre o proxecto para dotar á nosa localidade dun equipamento sociocultural á altura da súa poboación.

 

Esta é a razón pola que decidimos tamén non formar parte da reunión informal de grupos políticos convocada este mércores, por entender que responde máis ao interese dalgún grupo por aparecer nos medios como promotor que a unha verdadeira intención de avanzar efectivamente sobre a cuestión, tal e como se desprende do feito de vernos sorprendidos por unha nota pública que intenta instrumentalizar en beneficio propio unha xuntanza de todos.

 

O BNG quere lembrar que xa no noso programa electoral defendiamos a creación dun centro sociocultural municipal que debera, dunha vez por todas, resolver as múltiples carencias existentes no municipio para dispor dun lugar de referencia que cumpra con diversas funcións culturais, conteña espazos polivalentes para distintos perfís de actividade e permita a realización de actos nos exteriores.

Un local que debe, cando menos, permitir espectáculos escénicos nun auditorio de tamaño medio, contar con espazos para a celebración de mostras e exposicións, lugar para a biblioteca pública, unha sala audiovisual, pequenas salas de reunión e mesmo algunhas salas para ensaios de actividades.

 

Non temos, polo tanto, que improvisar ningunha posición ao respecto, nin interese algún en abandeirar unha cuestión sobre a que posiblemente fomos a formación máis clara nos programas que se presentaron ás eleccións. É por iso que queremos que o contraste de opinións se faga nun marco institucional no que adquiran algún valor os posibles acordos ou mesmo os desacordos que puidesen existir.

 

 

Xavier Rodríguez Fernández

Portavoz Municipal do BNG de Nigrán

Ler novas