Imprimir

XUNTANZA A PROL DUNHA UNIDADE DE ACCIÓN DE CARA ÁS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Bloque Nacionalista Galego de Nigrán | 10 de Marzo de 2015

No pasado mes de febreiro o BNG de Nigrán foi convidado a participar nun

encontro con outras forzas políticas de Nigrán, para tratar de explorar as

posibilidades de chegar a unha unidade de acción coa vista posta nas próximas

eleccións locais.

Así foi como chegamos a unha primeira xuntanza cos partidos políticos Anova,

Manifesto Miñor e Podemos, as organizacións políticas BNG e EU, e máis as

persoas que tomaran a iniciativa de promover este encontro.

Por parte dos promotores exprésase nesa reunión, e a acta resumo da mesma

nos remitimos para calquera contraste, “que, aínda que o Val Miñor ten

problemáticas comúns, cada concello é diferente, ten a súa historia, distintas

cuestións a resolver, etcétera e pensa que aproveitando a boa relación

persoal entre os presentes – independentemente da súa ideoloxía o partido –

poderíase acadar unha unidade de acción para o concello de Nigrán.”

A maior afondamento propón unha posible coalición de organizacións políticas,

aberta tamén a independentes.

Tratábase en definitiva, unha vez constatado o fracaso do intento de realizalo a

nivel do Val Miñor por mor de diferentes causas entre as que non son menores

as razóns éticas, de descender un chanzo no nivel territorial de discusión

para buscar así tamén a eliminación de trabas e problemáticas irresolubles

procedentes doutros concellos.

Sen embargo, estas intencións iniciais, que aínda sen ningunha garantía de

éxito, si supuñan un loable achegamento entre as distintas organizacións

políticas, viuse prontamente cuestionado por Manifesto Miñor, que non tardou

en desautorizar aos seus membros de Nigrán presentes na primeira xuntanza,

obxectando esa breve acta-resumo inicial e anunciando que ás seguintes

reunións asistirían representantes validados pola súa organización.

Manifestan que é importante nivelar a portavocía e para iso deciden que as

seguintes reunións acuda unha representación a nivel da súa estrutura do Val

Miñor, exercida a traverso do seu Grupo de Traballo de Coordinación do que

ven un membro de Nigrán, un de Baiona e un de Gondomar.

A maiores expresan o seu rexeitamento á posibilidade contemplada

inicialmente dunha confluencia de organizacións políticas.

Pois ben, chegados a este punto, o BNG de Nigrán ten que manifestar que non

pode seguir participando nunhas xuntanzas que desvirtuaron completamente

os seus plantexamentos iniciais, tanto nos seus obxectivos coma no ámbito

territorial de discusión, tendo que expor con claridade que como BNG de

Nigrán non somos competentes nin queremos selo para manter diálogos con

estruturas supramunicipais.

Debe quedar claro a nosa disposición a manter canto encontro sexa necesario

coas organizacións políticas de Nigrán, tal e como se plantexou nun principio,

e especialmente para tratar os problemas concretos de Nigrán, superando

a premura e cortedade de xuntarnos só para tratar de confeccionar unha

candidatura.

Estamos ao voso dispor.

Recibide unha fraternal aperta.

Bloque Nacionalista Galego de Nigrán

Podes ver este artigo na próxima dirección http://nigran.bng.gal/articulo/destacadas/xuntanza-prol-dunha-unidade-accion-cara-vindeiras-eleccions-municipais/20150310192744000710.html


© 2017 Bloque Nacionalista Galego de Nigrán

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal