A cloaca do Val Miñor

Parte da Foz do Miñor
Parte da Foz do Miñor
A cloaca do Val Miñor

               Son continuas as veces que paso pola rúa Torrente Ballester en A Ramallosa, xa sexa en coche, xa sexa a pé polo paseo que leva o nome do insigne escritor, e sempre que o fago non deixo de mirar e admirar unha das vistas máis fermosas que coñezo, a Foz do Miñor, delimitada pola maxestosa península de A Ladeira e o impoñente Monte Lourido, que se achegan para conformar un espazo único.

Este marabilloso lugar, incluído na Rede Natura dende 1999, non é tan só un regalo para os ollos, é tamén unha marisma chea de vida cun grande valor biolóxico, un esteiro no que inda podemos contemplar unha importante variedade de aves. Tamén era un notábel banco marisqueiro que chegou a dar traballo a máis de 75 persoas, desgraciadamente pechado dende 1998 por contaminación fecal, demostrando que o que é bo para a natureza, o é de igual maneira para as actividades humanas respectuosas co medio.

Non o é, en cambio, a insoportábel presión urbanística que veu aprisionando o espazo de A Foz e os ríos Miñor, Groba e Belesar que desembocan nela, e a conseguinte contaminación asociada.

 

            Sei que o título do artigo non campa moito, pero esa é a realidade do humidal a día de hoxe, que leva 22 anos sendo o pozo negro do Val Miñor, precisamente nunha das zonas de máis valor paisaxístico da comarca.

Así o referendou o estudo de avaliación microbiolóxica feito pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo, financiado polo concello de Baiona, que en decembro de 2018 concluía que “o entorno da Foz do Miñor presenta unha situación análoga a un alcantarillado a ceo aberto, con enormes deficiencias na rede de saneamento, e múltiples entradas de augas fecais non depuradas ao longo e ancho da súa extensión.”

 

            Ante esta desesperante situación, apenas agroma a voz de algún colectivo como a Plataforma pola Protección da Foz do Miñor, que inclúe a organizacións políticas, asociacións veciñais, confraría de pescadores, entidades ecoloxistas e outros colectivos e persoas individuais que esixen das administracións competentes a eliminación da contaminación fecal no espazo natural protexido así como a súa ampliación.

 

            Evidentemente a solución é complexa e difícil, pois non é algo que se poida amañar cunha pequena intervención e, como calquera inversión importante, as autoridades pertinentes van pasando do problema e deixándoo de lado, pero coido que chegou o momento en que a sociedade miñorán non consinta o desleixo por máis tempo. É hora de afrontalo e empezar a poñer os medios para reparalo. Para iso antóllaseme fundamental identificar todos os puntos importantes de verquido, sexa a depuradora de Gondomar ou todos os aportes incontrolados á Foz ou aos ríos que verten nela, un traballo que debería acometer con urxencia Augas de Galicia para, a partir de aí, poder actuar neles.

 

            Non quero esquecer igualmente que isto tamén é ría de Vigo, e constitúe un punto altamente contaminado dentro da mesma, polo que debera ser un foco de atención dentro dese grande obxectivo que ten que ser o saneamento das rías.

 

Xavier Rodríguez – Responsábel Local

A cloaca do Val Miñor