PROPÓN, ADEMAIS, A BONIFICACIÓN DA TAXA DE TERRAZAS Á HOSTALERÍA PARA ESTE VERÁN

O BNG de Nigrán insta ao concello á suspensión de impostos e taxas municipais aos afectados polo cese de actividades

Xavier Rodríguez, responsábel local
Xavier Rodríguez, responsábel local
O BNG de Nigrán insta ao concello á suspensión de impostos e taxas municipais aos afectados polo cese de actividades

Nigrán, 27 de marzo de 2020.- Nestes momentos nos que toda a atención está posta na loita contra o coronavirus, como así debe ser, non deberiamos descoidar, por quen debe facelo, as medidas a adoptar cando consigamos que remita a pandemia e nos enfrontemos a outra: unha crise de dimensións aínda descoñecidas.

 

A administración local é a única que ten, no seu conxunto, superávit orzamentario. Ao mesmo tempo que a administración xeral do estado convértese no maior xerador de déficit, os concellos, na súa maioría e en grande medida como consecuencia das limitacións normativas impostas, teñen, en maior ou menor grao, importantes remanentes de tesouraría.

Tal é o caso do concello de Nigrán, cun remanente do ano 2018, o último publicado na súa páxina, que se achega aos catro millóns de euros.

Pois ben, nun momento tan difícil como o que atravesamos e as consecuencias que se van a derivar del, non sería admisíbel, e diríamos que ata inmoral, que se obstaculizase a súa utilización.

 

Nese sentido urxe xa que o goberno municipal adopte medidas, no marco da súa fiscalidade, para compensar o cese de actividade de comerciantes, autónomos e empresas. Ten marxe económico sobrado para facelo. Por iso o BNG de Nigrán trasladou ao goberno municipal unha serie de propostas urxentes que consideramos que debería adoptar, tales como a suspensión de impostos e taxas asociados a unha actividade que non se permite exercer, como o IAE, imposto de actividades económicas que, como o seu propio nome indica, grava un exercicio profesional e, polo tanto, non pode nin debe proceder pagamento mentres estea suspendido polo goberno. Pero tamén taxas como o lixo e a auga para locais que, por mor deste peche obrigado, non utilizan eses servizos.

Falamos de suspender, non aprazar. Aprazar é simplemente aprazar o problema. O que reclamamos é que non se cobren eses tributos aos afectados polo cese de actividade, e hai capacidade económica para facelo, durante o tempo que estean obrigados a mantelo.

 

Igualmente realizamos outra petición específica para un colectivo moi importante no noso concello como xerador de emprego, o da hostalería. Faise necesario bonificar en gran medida a taxa de terrazas para tratar de compensar minimamente co verán o xa perdido. É de xustiza.

O BNG de Nigrán insta ao concello á suspensión de impostos e taxas municipais aos afectados polo cese de actividades