O DESCONCERTO DOS USUARIOS ANTE A ABSOLUTA FALLA DE INFORMACIÓN É TOTAL LUGOVE COMEZA A PRESTAR O SERVIZO SEN PUBLICAR OS HORARIOS, FRECUENCIAS E RUTAS

O BNG denuncia o caótico inicio da nova concesión de transporte público

2020122400572249730
PFE
O BNG denuncia o caótico inicio da nova concesión de transporte público

Tras iniciar a Unión Temporal de Empresas Lugove o pasado mércores a prestación do servizo de transporte de viaxeiros entre o Baixo Miño e o Val Miñor con Vigo, sucedéronse as queixas de usuarios polo desastroso comezo da concesión, cunha total falla de información sobre os itinerarios, paradas e horarios.

 

A adxudicataria empezou a traballar sen habilitar unha páxina de información, aparecendo o sitio web da empresa, lugove.gal, como “en construción”, sen máis indicacións que un complicado pdf de “AVISO AL PÚBLICO” no que comunican como quedan só algunhas das rutas tras ser modificados os horarios, pese a ser responsabilidade da empresa dar publicidade a todos os horarios vixentes. E iso coa complicidade da Xunta de Galicia que pon en marcha un novo plan de transporte de viaxeiros sen desenvolver as máis elementais campañas de información aos usuarios.

 

O desconcerto foi tal que nin sequera profesionais que se supón que deberan ter a información e transmitila foron quen de facelo, así, nin na estación de autobuses de Vigo, nin os propios condutores dos autobuses, eran capaces de trasladar aos usuarios as frecuencias e horarios.

Non se editou nin un mínimo folleto que recollese as rutas e paradas, nin se colocou nas mesmas e nas estacións de autobuses a referida e imprescindible información, máis aínda tendo en conta que a nova concesión trae consigo modificacións de itinerarios, novos servizos e supresión de frecuencias, o que motivou que estes días non poucas persoas fosen a coller coches que non saíron ou non pasaron. 

 

A única posibilidade de ter coñecemento certo sobre as rutas é, ou ben acudir ao establecido no Plan de Transporte Público de Galicia, coas dificultades que ten manexar documentos con infinidade de itinerarios e unha complicada información, ou ben utilizar a aplicación Transporte Público de Galicia, a través da cal a administración galega suple as carencias de comunicación do contratista.

Pero hai que sinalar que isto non é unha opción válida para unha parte moi importante dos usuarios do transporte público, moitos deles persoas maiores cun limitado aceso ás novas tecnoloxías.

 

Dende o BNG reclamamos que tanto a Xunta, administración titular do servizo, como os concellos, que son a administración máis próxima, esixan unha correcta e suficiente información das rutas e horarios, tanto en formato dixital como de xeito físico en todas as paradas e estacións de autobuses.

O BNG denuncia o caótico inicio da nova concesión de transporte público