Unha ordenanza de convivencia cidadá sin consenso

Unha ordenanza de convivencia cidadá sin consenso

Xabier

Venres, 27 de febreiro de 2015.­

No día de hoxe, nun pleno que rematou á unha e media da madrugada, aprobouse a Ordenanza Municipal de Convivencia Cidadá de Nigrán, cos votos a favor do Partido Popular e o edil non adscrito Ignacio Vilas.

Non obstante, a norma sufriu numerosas modificacións, introducidas case todas elas a instancia das achegas realizadas polo BNG.

Os cambios operados como consecuencia das nosas emendas son fundamentalmente os seguintes:

1. Desaparición no art. 12 da esixencia aos organizadores de actos en espazos públicos da obriga de constituír unha garantía ou subscribir unha póliza de seguro, por consideralo tremendamente limitativo e coartar a liberdade de expresión e mesmo de creación.

2. Eliminación da prohibición de estacionar ás autocaravanas nas vías ou espazos públicos, limitándose a nova redacción a prohibir a pernocta fora das zonas especiais establecidas polo Concello. Prohibición que non será efectiva ata que se delimiten tales zonas.

3. Reincorporación do art. 28. Para a nosa sorpresa, na mesma mañá do pleno, o goberno retirou da ordenanza o art.28, que establece a obriga de materializar as cesións ao dominio público. Non estabamos dispostos a admitir que se regularan aspectos como a limpeza de fincas ou a realización de graffitis, mentres desaparecía da norma unha das condutas máis socialmente reprobables desde o noso punto de vista.

Volveuse a incorporar o artigo e ademais, tamén por indicación nosa, cambiou a súa cualificación de grave a moi grave.

4. Mellora na delimitación das infraccións leves e graves, cunha redacción máis acaida aos artigos 34 e 35, que eliminan fallas de concordancia no texto e lle aportan claridade.

Ademais destas modificacións, o goberno municipal tamén trouxo xa unha nova redacción para o art. 19, que regula a crianza de animais en zonas urbanas, perfilando mellor e con máis sentido común a prohibición.

Pola contra sinalar que non se aceptou a nosa proposta de rebaixar a contía das sancións, ca que pretendiamos disipar calquera sombra de dúbida sobre o carácter recadatorio da norma, fortalecendo o seu espírito de concienciación social. Isto motivou a nosa abstención na votación da ordenanza.

Xavier Rodríguez – Portavoz Municipal do BNG