O BNG de Nigrán reclamamos que se redacte xa no presente exercicio o proxecto construtivo do edificio que acollerá a nova biblioteca

Xavier Rodríguez

Portavoz Municipal do BNG de Nigrán
Xavier Rodríguez Portavoz Municipal do BNG de Nigrán

 


 

O BNG de Nigrán reclamamos que se redacte xa no presente exercicio o proxecto construtivo do edificio que acollerá a nova biblioteca

Esiximos ao goberno municipal que expoña ao público o anteproxecto existente e, a continuación, convoque unha reunión con todos os grupos políticos co obxecto de acordar características básicas e emprazamento

 

 

Tras facerse público o anteproxecto dunha nova biblioteca municipal, esiximos na Comisión Informativa de Asuntos Xerais que este sexa exposto ao público polo prazo dun mes, para que a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán fagan as achegas que consideren. Con esta exposición pretendemos que o definitivo proxecto construtivo poida recoller as demandas que os axentes socioculturais e outros colectivos interesados no novo equipamento poidan aportar.

 

Para nós, este é un proxecto estratéxico de mandato e, polo tanto, unha inversión prioritaria a executar antes de rematar o mesmo. Por iso esiximos ao goberno municipal que, unha vez exposto ao público o anteproxecto anterior, convoque unha reunión coa presenza de todos os grupos políticos co obxecto analizar as posibles achegas realizadas e acordar características básicas e emprazamento da nova biblioteca municipal de Nigrán.

 

Igualmente, demandamos que, unha vez acadado o acordo anterior, proceda xa no presente exercicio a redacción do proxecto construtivo, ben por medios propios ou mediante a correspondente contratación, habilitando os medios necesarios para tal fin, ao mesmo tempo que estuda as posibles vías de financiamento para executalo.

É preciso evitar a falla de operatividade deixando correr o tempo sen tomar decisións polo que achamos imprescindible que se produzan avances neste obxectivo.

 

Nesta altura queremos lembrar que o anteproxecto presentado con tanta sorpresa nos medios non é máis ca iso, un anteproxecto que, como  moitos antes, podería ser perfectamente non nato ou, simplemente, durmir o soño dos xustos, e iso é precisamente o que esta formación política está decidida a evitar.WhatsApp Image 2016-11-13 at 00.00.27