A Xunta non conta con respaldo xurídico para a reserva de solo do vial Saians­-Porto do Molle

A Xunta non conta con respaldo xurídico para a reserva de solo do vial Saians­-Porto do Molle

2013-09-18 - trazado_vial

O BNG, a instancia da súa agrupación local de Nigrán, presentou no Parlamento Galego unha pregunta para coñecer se o Goberno Galego considera necesario realizar unha infraestrutura, que tal e como está plantexada actualmente, afecta a cerca de 50 casas.

Ao mesmo tempo, a parlamentaria nacionalista Carme Adán, demandou saber se a Xunta realizou “a petición expresa ao Concello de Nigrán de reserva de chan”, para construir a vía de alta capacidade Balsa-Saians-Porto do Molle.

Por outra banda na interpelación tamén pretendíamos coñecer se o Goberno ten a intención de realizar algún estudo de mobilidade que avalíe as necesidades reais de Nigrán e todo o Val Miñor no seu conxunto.

Pois ben, a resposta da Directora Xeral foi que a administración autonómica “non conta co respaldo xurídico adecuado para impoñerlle ao Concello de Nigrán a obriga para establecer unha reserva de solo para o treito Balsa-Saians-Porto do Molle, dado que non se atopa previsto en ningún instrumento de ordenación do territorio”. Afirmación esta que contradice o mantido polo Alcalde de Nigrán cando xustificaba a presencia do vial no Plan Xeral, por ser unha demanda da Xunta.

Non obstante, a representante do Goberno Galego non fixo manifestación algunha ao respecto de porqué o Conselleiro Agustín Hernández enviara unha carta ao Concello na que indicaba “a necesidade de que o equipo redactor inclúa nas previsións do plan, a correspondente reserva viaria”.

Desde o BNG de Nigrán consideramos, que con esta resposta e tras o acordo plenario que instaba a retirada do trazado no PXOM, non hai ningunha razón que poidera xustificar o mantemento do vial, e, en todo caso, calquera nova infraestrutura viaria, deberá corresponder a criterios exclusivamente locais, así como gozar da xustificación técnica pertinente.

A Xunta non conta con respaldo xurídico para a reserva de solo do vial Saians­-Porto do Molle