Os Plenos de Nigrán a través da web

Os Plenos de Nigrán a través da web

A Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade a proposición do Bloque Nacionalista Galego, na que se insta ao Goberno Municipal a pór en marcha os mecanismos pertinentes para facilitar aos veciños o acceso aos contidos completos das sesións plenarias, utilizando para elo a páxina web institucional.

A proposta obriga ao concello a aproveitar  todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a difusión dos plenos, empezando, con carácter inmediato, por subir o audio dos mesmos á páxina municipal, ao ser ésta unha operación sen maiores dificultades técnicas, para seguir, a continuación,  coa posibilidade de facer o mesmo co vídeo e mesmo chegar á retransmisión en directo.

Dende o BNG de Nigrán consideramos que esta medida contribúe moito máis á transparencia das sesións que o estabelecemento de Plenos nocturnos que non fan senón seguir afondando nos irracionais horarios que sufrimos no Estado Español. O cal supón que, non sin certo paletismo, continuemos alonxándonos dos países máis desenvolvidos.

Non o obstante o anterior, apoiamos trasladar o horario das sesións plenarias ás 20 horas, como medida transitoria en tanto en canto non se conquiran implementar todas as solucións técnicas que posibiliten o libre acceso íntegro e completo aos plenos, por parte de calquer cidadán e en calquer momento que o desexe.