Oposición ao Pleno Extraordinario do PXOM

Oposición ao Pleno Extraordinario do PXOM

No seo da Comisión Informativa de Asuntos Xerais que tivo lugar esta mañá, o BNG puxo de manifesto o seu rexeitamento á realización dun pleno extraordinario que tería como único punto a proposta de cesión do contrato de redacción do PXOM á empresa EPTISA, trala entrada en concurso de acreedores de ARNAIZ, integrante da UTE adxudicataria do contrato. 

O motivo de oposición é que nin a dimensión, nin a urxencia do asunto a tratar, xustifican ter un monográfico sobre o tema, co importante custo que supón (uns 3.000 euros).

En canto a súa dimensión, queremos recordar que se trata só de decidir sobre a cesión do contrato, non sobre o Plan Xeral en si. Non vai ser, polo tanto, unha discusión sobre o modelo urbanístico senón apenas sobre a continuidade do contrato para a súa redacción.

Respecto a urxencia, non se entende que despois de meses de paralización do documento, non se poida esperar tan só dúas semanas ao pleno ordinario para incluílo no mesmo.

No tocante xa ao fondo do asunto, o BNG votou en contra da cesión contractual, baseándose na propia documentación aportada por EPTISA, na que ela mesma recoñece a imposibilidade de rematar o Plan coa dotación económica que ten na actualidade, considerando imprescindible a realización de traballos “adicionais” non cubertos no prezo do contrato.

Defendemos, en consecuencia, resolver o contrato vixente, e ir a unha nova contratación da parte que resta do documento, que inclúa xa, con todas as garantías, as correccións pertinentes do realizado ata o momento e contemple unha nova fase de exposición pública.

Temos que sinalar que a cesión do contrato vai dictaminada favorablemente cos votos a favor do Partido Popular e a abstención do Partido Socialista, e o único voto en contra do BNG.