O Concello recuperará o nome de Areal de Lourido grazas a unha moción do BNG

O Concello recuperará o nome de Areal de Lourido grazas a unha moción do BNG

Playa-America

O Pleno Municipal do Concello de Nigrán, a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego, aprobou a recuperación do nome de Areal de Lourido como topónimo oficial, alternativo e coexistente co actualmente vixente de Praia América. O Partido Popular abstívose nesta decisión.

No segundo cuarto do século XX, por intereses turísticocomerciais, os nomes tradicionais de Areal de Panxón e Areal de Lourido, que fan referencia a cada un dos estremos da enseada, comezan a ser substituidos por un nome de nova creación: Praia América.

Debido a proximidade do propio núcleo de Panxón, a denominación da parte norte do areal non se viu ameazada de sobrevivencia, pero o nome de Areal de Lourido, que designaba a parte sur, foise perdendo.

En 1938 aínda tiñan plena vixencia entre a poboación da zona os nomes tradicionais do areal, e José Espinosa de Los Monteros dedícalle a esta magnífica praia un capítulo do seu libro Casas y cosas de Valle Miñor, onde di:

«Aprovechamos esta ocasión para protestar contra el “mote” caprichosamente impuesto para darla a conocer. Substituír el nombre de Lourido, eufónico, expresivo y enraizado en la historia del valle, por otro extranjero, es una ofensa a nuestros antepasados y un desprecio de la tradición.» (Espinosa 1938: 13)

A actitude de Espinosa, que na súa época bateu coa indiferencia (por non dicir coa ignorancia) das autoridades competentes, viña coincidir coas directrices e recomendacións promovidas nas últimas décadas polo Grupo de Expertos para Nomes Xeográficos da ONU, asumidas así mesmo pola UNESCO. Nelas establécese que os topónimos tradicionais deben ser preservados como parte do patrimonio cultural dunha comunidade ao tempo que se desaconsella a chamada “toponimia conmemorativa” e outras formas de denominación de espazos públicos que sepultan para sempre a toponimia tradicional.

Por outra banda, tras décadas de utilización oficial do nome de Praia América, este asentouse de xeito xeralizado entre a poboación, tanto foránea como local, ata o punto de que a súa sustitución total sería certamente problemática.

É por iso que, seguindo as recomendacións tamén asumidas pola UNESCO, queremos propoñer a utilización dos dous topónimos como “denominación alternativa”, unha categoría que ten en Galicia varios casos, como por exemplo: O Maño ou Xobre (Concello de A Proba do Caramiñal) e Provecende ou Abadín (Concello de Abadín, Lugo). De tal xeito que, no noso caso, falaríamos de “AREAL DE LOURIDO ou PRAIA AMÉRICA” como denominación alternativa e indistinta.

Por todo o anteriormente exposto, o BNG solicitou que o Concello de Nigrán, en virtude das súas competencias e co obxecto de valorizar a riqueza do seu patrimonio inmaterial, establece formalmente o nome de Areal de Lourido como denominación oficial da praia, como topónimo alternativo e coexistente co actualmente vixente de Praia América. Tamén solicitou o compromiso de potenciar o seu uso, tanto na rotulación como na edición de folletos e similares, como topónimo alternativo, a fin de que sobreviva.