O BNG SOLIDARÍZASE COA INDIGNACIÓN MANIFESTADA POLO PRESIDENTE DA COMUNIDADE DE MONTES DE CHANDEBRITO

O BNG solidarízase coa indignación manifestada polo presidente da comunidade de montes de Chandebrito polo acontecido durante a vaga de lumes

Detalle do monte de Chandebrito tras a vaga de lume
Detalle do monte de Chandebrito tras a vaga de lume
O BNG solidarízase coa indignación manifestada polo presidente da comunidade de montes de Chandebrito polo acontecido durante a vaga de lumes

A terríbel vaga de lumes que padecemos na fin de semana do 15 e 16 de outubro tivo unha especial virulencia na parroquia de Chandebrito, co tráxico resultado de dúas persoas falecidas, Maximina Iglesias e Angelina Otero.

 

O lume asolou completamente esta parroquia e provocou unha situación de emerxencia e tensión entre a veciñanza ao ver que perigaban tanto as súas vidas como as súas vivendas por mor da evidente carencia de medios para facerlle fronte ao lume, ante o desamparo ao que os condenou a pésima xestión do goberno Feixóo.

 

Á luz do acontecido para o BNG é obvio que no caso de Chandebrito fallou o operativo de emerxencias e que unha desafortunada decisión de desaloxo por parte dos efectivos policiais desprazados tivo como consecuencia a morte de dúas persoas.

 

En palabras do  noso portavoz municipal do BNG en Nigrán, Xavier Rodríguez “entendemos que se falla o dispositivo de emerxencias e se toman decisións erradas que ocasionan a perda de vidas humanas non hai razón algunha para outorgar ningún tipo de galardón ou recoñecemento. En todo caso, se alguén o merece é desde logo a veciñanza de Chandebrito que se enfrontou practicamente soa á extinción do lume”.

 

Podemos comprender que nunha situación extrema como foi a que se deu en Chandebrito, non é doado tomar decisións, máxime cando os efectivos policiais desprazados carecían da preparación axeitada e do necesario coñecemento do terreo.

Pero o que nos parece de todo punto inadmisible é que ante o cúmulo de decisións erradas que provocaron ese caos, os sindicatos policiais SUP e UFP se atrevan a amedrentar a un representante veciñal por ter a valentía de trasladar o malestar e indignación da veciñanza de Chandebrito ante o acontecido nesa parroquia.

WhatsApp Image 2017-11-15 at 11.50.13

Xavier Rodríguez – Portavoz Municipal do BNG