CONSIDÉRAO UNHA MEDIDA FUNDAMENTAL PARA APOIAR A UN SECTOR QUE VAI SER DURAMENTE CASTIGADO POLA CRISE

O BNG reclama que o concello de Nigrán realice unha reprogramación cultural que manteña o gasto previsto

.
.
O BNG reclama que o concello de Nigrán realice unha reprogramación cultural que manteña o gasto previsto

Nigrán, 29 de abril de 2020.- Unha das moitas consecuencias que provoca a actual crise do coronavirus é a imposibilidade, polo menos no curto prazo, da realización de actividades culturais con presenza de público. Isto vai provocar non só o non poder desfrutar das diferentes manifestacións artísticas, senón que supón tamén un importante contratempo económico para moitos grupos e autores.

            Polo que respecta á programación cultural do concello, esta verase, sen dúbida, alterada, pero no BNG non queremos que esas partidas se deixen de executar, máis se temos en conta que o sector sufrirá enormemente a falla de actividade.

            Hai que indicar, ademais, que na tan ansiada volta á normalidade, serán necesarias medidas de estímulo ao comercio e hostalería locais, entre as que a animación sociocultural pode ser unha das fundamentais. Por iso reclamamos o seu mantemento resituándoas na segunda metade do ano, cando poidan ter lugar sen as actuais restricións. 

            Para iso entendemos que se deben procurar as actuacións ao aire libre sempre que sexa posíbel, acudindo aos espazos pechados, cas oportunas medidas de seguridade, cando sexa inevitábel.

Defendemos que, incluso, para grupos locais que se vexan imposibilitados de realizar espectáculos polas condicións esixidas, se estude, por parte do concello, proceder a súa contratación para ser gravados e ofrecer esas gravacións desde a páxina municipal ao público en xeral, como medida de apoio para manter a súa actividade e garantir a súa supervivencia.

            Trátase, en definitiva, de que a programación cultural non sexa outra vítima máis do coronavirus.

 

Xavier Rodríguez

Responsábel local do BNG

O BNG reclama que o concello de Nigrán realice unha reprogramación cultural que manteña o gasto previsto