O BNG non apoirá a saída da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

O BNG non apoirá a saída da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

DSC03027

Tras quedar sobre a mesa no último Pleno do ano, co fin de recabar informes ao departamento de urbanismo sobre a conveniencia ou non da permanencia de Nigrán na APLU, o asunto decidirase na sesión plenaria da próxima semana.

Despois de ter lugar a reunión da Comisión de Urbanismo, na que se deu conta do devandito informe, o Bloque Nacionalista Galego quere manifestar que éste, non fai senón ratificar a nosa postura inicial, exposta xa no anterior Pleno.

Tal e como dixemos entón, nestes momentos, en plena fase de elaboración dun Plan Xeral, co departamento de urbanismo volcado en boa medida nel, non se entende o abandono da Axencia, salvo que o que se pretenda sexa precisamente que se deixen de exercer as competencias sobre disciplina urbanística.

Neste sentido, convén recalcar que a alternativa ao control da legalidade urbanística por parte da Axencia autonómica, sería simplemente a ausencia de dito control, ao non poder asumir de xeito efectivo o Concello esas funcións.

Todo iso non implica que estemos satisfeitos co funcionamento da APLU, pero non estamos dispostos a avalar o desmantelamento da reposición da legalidade urbanística, que sería o efecto práctico acadado de triunfar esta iniciativa.

Como tamén manifestamos no anterior Pleno, só apoiaríamos o rescate da competencia de haber un plan claro e un servizo de inspección axeitadamente dotado a nível municipal, circunstancias que non se dan agora mesmo.