O BNG acada o respaldo da Mancomunidade aos emigrantes retornados

O BNG acada o respaldo da Mancomunidade aos emigrantes retornados

O Bloque Nacionalista Galego viu de presentar unha moción de apoio ás persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, que son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros e que nos últimos meses comezaron a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declarasen as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro.

Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas.

Hai que constatar que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas, e que se  apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.

Desde o mes de febreiro veñen mantendo reunións coa Axencia Tributaria sen que se obtivesen resultados concretos, agás a posibilidade de ampliación de prazos para o pago das declaracións complementarias.

Por outro lado, até hai poucos días os expedientes sancionadores referíanse ao exercicio de 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012. Porén temos coñecemento de que recentemente hai persoas que recibiron expedientes que inclúen todos os exercicios, un feito que complica de forma moi relevante a súa situación.

A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente ás persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas.

E sen prexuízo das medidas urxentes para evitarlles esta penosa situación, é preciso que, por parte do Goberno do Estado para evitar novas situacións, se  revisen os convenios marco con outros países, como por exemplo o estabelecido con Alemaña no ano 2012.

Tras a deliberación deste asunto na Xunta de Mancomunidade consesuóse a aprobación do texto de apoio que se ten aprobado unánimemente tamén no Parlamento Galego.

Co gallo desta problemática o Bloque Nacionalista Galego realizará un acto comarcal o vindeiro Venres ás oito e media da tarde, no Centro Neural de Gondomar, contando coa presenza de Carme Adán, deputada no Parlamento Galego.