A CONTINUACIÓN A MOCIÓN ÍNTEGRA APRESENTADA POLO PORTAVOZ MUNICIPAL DO BNG XAVIER RODRÍGUEZ EN RELACIÓN Á AP 9 QUE O PLENO DO CONCELLO DE NIGRÁN APROBOU O 24/11/2016

Aprobada en pleno a moción presentada polo BNG pola transferencia da AP9

Xavier Rodríguez Fernández, portavoz municipal do BNG en Nigrán
Xavier Rodríguez Fernández, portavoz municipal do BNG en Nigrán

Moción que presenta o BNG en Nigrán para a transferencia da AP9 á Xunta de Galicia.

Aprobada en pleno a moción presentada polo BNG pola transferencia da AP9

SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE NIGRÁN

 

XAVIER RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, na súa condición de portavoz do GRUPO MUNICIPAL DO BNG, presenta ao Pleno da Corporación, para o seu debate, e aprobación se procede, a seguinte:

 

 

 

MOCIÓN SOBRE A TRANSFERENCIA DA AP-9 E LIBERALIZACIÓN DA PEAXE DA AG-57

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

 

O Parlamento de Galiza, ao final da IX Lexislatura, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación, aprobou a “Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza”, que foi remitida ao Congreso dos Deputados para a súa tramitación e aprobación final.

 

O día 14 de outubro de 2016, o Goberno central comunicaba a desconformidade coa súa tramitación nas Cortes Xerais, en base a un suposto incremento de créditos orzamentarios. Con independencia de que as contas feitas polo Ministerio de Fomento son absurdas, ao fundarse nos ingresos brutos das peaxes nun ano determinado (co que no caso de que as galegas e galegos decidísemos durante un ano non usar dita infraestrutura e reducir ao mínimo os ingresos de peaxes xa nos sairía case gratis o rescate), constitúe un agravio comparativo e unha discriminación parapetarse nun suposto incremento orzamentario para vetar o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galiza e poder abaratar o seu custe para as usuarias e  usuarios, cando se está a falar de achegar cantidades multimillonarias de diñeiro do orzamento público para rescatar autoestradas quebradas en Madrid, e que non redundarán precisamente nun beneficio das persoas que as usan, senón que irán directamente para compensar ás construtoras e á banca que tamén impulsaron esa ruinosa construción de vías de alta capacidade.

 

Os grupos políticos desta corporación, debemos reafirmar e apoiar a iniciativa aprobada no Parlamento de Galiza que ten como finalidade superar un marco competencial onde Galiza nin decide nin opina sobre a xestión da vía de alta capacidade máis importante do punto de vista social e económico do país, e aspira a que desde Galiza se tome o control desa autoestrada, para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas e mesmo que sexa empregada como  obxecto especulativo por parte de grandes fondos de investimento dados os altos beneficios que xera, a custa do peto de sufridos usuarios e usuarias, co modelo de xestión que ten a administración central da AP-9.

 

Con esta moción pretendemos que a Corporación de Nigrán tamén se sume ao consenso político acadado no Parlamento de Galiza e apoie expresamente a defensa da iniciativa lexislativa para reclamar a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza, nos termos aprobados polo Parlamento de Galiza.

 

Ademais tamén para expresar o rexeitamento a que unilateralmente e sen xustificación, dun xeito totalmente arbitrario e despectivo cara a principal institución representativa de Galiza, mesmo se impoña un veto ao seu debate e tramitación nas Cortes Xerais. Polo tanto, tamén estamos a reclamar que se garanta un elemental dereito democrático por parte do Goberno central, a que unha iniciativa de tanta importancia para Galiza sexa debatida e sometida a consideración do Congreso e do Senado, non simplemente a ser arquivada sen ter a oportunidade de a poder facer valer.

 

A maiores, esta situación vese especialmente agravada no Val Miñor, xa que a vía de conexión natural coa AP-9, a autoestrada do Val Miñor, AG-57, é tamén unha estrada de pago, gravando aínda mais os desprazamentos dos veciños e empresas miñoráns e evitando, por mor das peaxes, que constitúa unha verdadeira vía de circunvalación do Val e de conexión co polígono de Porto do Molle.

 

Por todo iso, o Pleno da Corporación Municipal de Nigrán:

 

ACORDA

 

  1. Instar ao Goberno central e ao Ministerio de Fomento a retirar a desconformidade coa tramitación da “Proposición de LeiOrgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza”, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galiza.

 

  1. Instar a todos os grupos políticos con representación nas Cortes Xerais a axilizar a súa tramitación e aprobala nos termos consensuados no Parlamento de Galiza.

 

  1. Rexeitar o rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas co único fin de salvar á Banca e as construtoras que as xestionan, e instar a que os recursos públicos se destinen prioritariamente ao rescate de autoestradas en beneficio das usuarias e usuarios finais, para rematar coas peaxes abusivas da AP9.

 

  1. Instar á Xunta de Galiza a iniciar os traballos para o rescate e liberalización das peaxes da AG-57, co fin de convertela nunha auténtica circunvalación do Val Miñor.

 

 

Nigrán, 17 de novembro 2016